De interese

01/07/2011

A iniciativa social Sermos Galiza impulsará a creación dun grupo de comunicación

Busca o compromiso da sociedade máis activa para botar a andar un diario dixital e un semanario en galego

Un grupo promotor de trece persoas de distintos ámbitos sociais presentou en Santiago a  iniciativa social para a creación do Grupo de Comunicación Sermos Galiza, un proxecto que parte coa vontade de se converter en referente da información en galego. De partida, o grupo  promotor anuncia a intención de botar a andar un diario dixital e un semanario en papel, substentado fundamentalmente nos subscritores e nun accionaraido amplo e plural.

As escritoras Marga Romero e Teresa Moure e o profesor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato actuaron como portavoces da iniciativa Sermos Galiza, un proxecto que consideran “urxente e necesario” nun momento de abafamento dos medios en galego. O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un producto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva,  un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.


Para iso, emprazan aos sectores máis conscientes, dinámicos e críticos da cidadanía, a comprometerse activamente, indicando que este é un proxecto aberto a todo aquel que quixer un medio destas características. “Un proxecto como este vai recoller o entusiasmo e a enerxía de moitos e moitas que se resisten a que Galiza desapareza. A cidadanía galega demostrou na súa historia recente en moitas ocasións que ten forza para construir un futuro colectivo” sinalaron.

A partir de agora formalizaranse os apoios xa acadaros e desenvolverase unha campaña de busca de novos colaboradores e colaboradoras para poner a andar a iniciativa. Estableceranse con ese fin contactos con asociación e entidades do tecido social galego que mostraron o seu interese en contribuir ao nacemento desta iniciativa.

“O obxectivo é que o proxecto se manteña por si mesmo, sen dependencias empresariais ou institucionais. Estamos a ver como o goberno galego pode, cando quere, aprisionar ou facer desaparecer os medios de comunicación que non lle interesan e por iso a nosa baza é a independencia e o compromiso firme dos lectores e lectoras” defenden os promotores.
O grupo promotor entende que, para o proxecto ser viábel, precisa do apoio dun mínimo de 3.000 subscritores e un capital social colectivo, evitando accionistas maioritarios. Deseña a creación dun diario dixital e un semanario en papel pero con perspectiva de se expandir a outros soportes comunicativos, en especial, ao radiofónico, a comezar pola radio dixital..

As fortalezas do novo medio serán, segundo os seus promotores,  a súa base colectiva, a participación cidadá e a creación de redes de colaboración. “Daremos voz aos e ás que non a teñen co que iso significa tanto informativamente como de apertura e participación nos nosos medios. A cidadanía será propietaria e protagonista de Sermos Galiza” sinalaron.

11 comentários:

  1. Parabéns. Era hora! :-)

    Espero que o proxecto vaia para diante e que se dea capacidade de control no medio aos subscriptores para non caermos no erro doutros medios, que non permiten un control democrático dos que fan posible o medio.

    (Por certo, grazas por amañardes a configuración e permitir outros xeitos de comentar.)

    ResponderEliminar
  2. O que lin aquí http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=19213 deixoume un pouco preocupado, no sentido de que non parece apuntar na dirección dun medio con control cidadán, senón cunha propiedade e funcionamento máis tradicional:

    "conseguir un accionariado múltiple que evite socios maioritarios que poidan condicionar a liña editorial"

    Quero dicir que o do accionariado diverso está ben, pero se queremos un medio ao servizo do pobo, ¿por que non darlle o seu control ao pobo? Penso que é moito horas de camiñarmos cara á Democracia Directa, e para iso precisamos uns medios en mans dos cidadáns.

    ResponderEliminar
  3. O subititular de CulturaGalega é revelador no sentido do que apuntaba no meu anterior comentario:

    "O PROXECTO áBRESE á PARTICIPACIóN CIDADá PARA RECADAR FONDOS"

    Participación cidadá para os fondos... só para iso? Se a cidadanía participa nos fondos tamén terá que ter capacidade de decisión. Iso sería un medio verdadeiramente democrático que é o que precisa este país. Ou?

    ResponderEliminar
  4. Ou apoiamos iniciativas como estas ou morremos.
    Todos a unha!

    ResponderEliminar
  5. A iniciativa paréceme verdadeiramente noble e sincera, que xa non é pouco nestes tempos. Só espero que saibades non caer nos erros que mataron a Vieiros e que van polo mesmo camiño con A nosa terra.
    Ter un bo produto é fundamental, pero sabedes que o xornalismo está cambiando e as novas teñen que entrar polos ollos, levar un bo envoltorio e ser cómodas de ler, xa non só na pantalla dun PC, senón na rúa, no metro ou nun café.
    Dígovolo con toda a miña boa intención, desexo que vos vaia moi ben :)

    ResponderEliminar
  6. Moitos parabéns pola iniciativa!
    É necesario que a xente se implique para que saia adiante...

    De todos os xeitos, permitídeme comentarvos que tanto Blogaliza (www.blogaliza.org) como a Blogoteca (www.blogoteca.com) son dúas plataformas galegas que permiten facer blogs en e desde o galego... Blogspot non nos recoñece aínda. Entón, por coherencia, este blog estaría moito mellor en calquera desas dúas plataformas ;-)

    ResponderEliminar
  7. E o momento de termos en galego una ferramenta que permita a difusión de ideas.

    ResponderEliminar
  8. Parabéns também. Esperemos que este meio nom caia nessa prática tam nefasta como comum a outros meios galegos que fôrom controlados politicamente de silenciar ou ocultar que existe um nacionalismo independentista.

    A pluralidade passa por admitir que no campo galego existem distintos nacionalismos e distintas estratégias de emancipaçom nacional.

    ResponderEliminar
  9. Parabéns também. Espero que este novo projecto saiba esquivar um dos erros que caracterizárom anteriores projectos mediáticos em galego que fôrom co-optados para umha sigla e umha estratégia: o silenciamento e a ocultaçom de que neste país existe mais de um nacionalismo e que um desses nacionalismos realmente existentes é independentista. A composiçom da imagem nom alenta excessivamente a esperança em que isto seja assim.

    ResponderEliminar
  10. Noraboa. Paréceme unha moi boa nova. Tendes o meu apoio incondicional. Pero dando cartos, que sin eles non se pode facer nada. Penso en galego, falo en castelán. Coa vosa/miña axuda pensarei en galego e falarei en galego. Non somos poucos pero fannos crer que sí. Hai que loitar contra esa contradicción poñendonos en marcha canto antes.

    ResponderEliminar
  11. Noraboa... pero eu pregunto, ¿isto vai ser outro medio de análise ultrasesuda, un medio de xornalismo participativo no que cadaquén publique o que lle peta, un medio que se converta en foro de leas ideolóxicas estériles, un muro das lamentacións ou un medio de comunicación no que se nos conten as cousas como son en realidade?

    Saúdos.

    ResponderEliminar