De interese

08/07/2011

Magnífico acollemento á Iniciativa Sermos Galiza


O acollemento excepcional que tivo a iniciativa Sermos Galiza confirma tanto a necesidade dun potente medio de comunicación galego e en galego como a oportunidade de comprometérmonos para o conseguir. Após a presentación pública sucedéronse as visitas á páxina, os parabéns, comentarios de alento e as sinaturas de apoio. Queremos agradecer sinceramente todas estas mostras de respaldo á iniciativa e pedir desculpas por a grande cantidade de comunicacións recibidas –felizmente- non nos permitir respondelas de maneira personalizada. Aproveitamos esta páxina para esclarecer algunhas das cuestións colocadas, particularmente as de aquelas persoas que nos preguntan como é que poden colaborar máis.
Estamos agora nunha fase de explicación e difusión do proxecto ben como de recolla de apoios. É fundamental, pois na medida en que o sector máis consciente da sociedade, que quere unha imprensa libre, crítica e galega arroupe esta iniciativa e a sinta como propia máis posibilidades de éxito terá. Por iso, nestes días a mellor colaboración é contribuír para a divulgación da iniciativa e tamén animar amig@s, e compañeir@s a que expresen o seu apoio (poden facelo desde esta mesma páxina). Nas próximas semanas abriremos o proceso de subscrición de accións e tamén, para quen quixer, de pre-subscrición ao semanario.
Existe tamén interese por coñecer por que, tratándose dun proxecto de comunicación, non hai xornalistas no Grupo Promotor. O Grupo asumiu o compromiso de lanzar publicamente a proposta como resposta a unha necesidade sentida por un segmento crecente da sociedade. Por iso se concibe como unha iniciativa social. Ou sexa, non hai nos promotores un interese particular do punto de vista profesional ou empresarial. En troca, quere ser a expresión dun proxecto que debe ser colectivo, plural e sustentado no compromiso activo dos lectores e lectoras.
Mais, ao tempo, contamos co asesoramento dun equipo de profesionais da comunicación que están a traballar nunha maior definición do proxecto comunicativo. Mesmo estamos a prever a celebración dun foro aberto no que tod@s @s profesionais da comunicación que quixeren poderán contribuír coas súas opinións e experiencia a enriquecer o proxecto.
Aliás, como esta é unha iniciativa aberta á sociedade, agradecemos calquera opinión ou suxestión que –individual ou colectivamente- nos quixerdes facer chegar.

4 comentários:

  1. > Aliás, como esta é unha iniciativa
    > aberta á sociedade, agradecemos
    > calquera opinión ou suxestión que
    > –individual ou colectivamente- nos
    > quixerdes facer chegar.

    E como, a través desta caixa de comentários?.
    Nom dá para muito.

    ResponderEliminar
  2. Moitos ánimos. Precisamos que concretedes canto antes como apoiarmos unha iniciativa plural e galega. O diñeiro, é escaso, mais sempre haberá algo para iniciativas que restauren a nosa personalidade como galegas e galegos. Avante!

    ResponderEliminar
  3. Se Moncho, tes razón. Temos de lle dar máis publicidade ao noso enderezo de e-mail, ben que provisorio. É este: sermosgaliza@gmail.com. Tentaremos ir mellorando. Obrigado.

    ResponderEliminar
  4. Eu só espero que sejades o xornalismo de TOD@S os galeguistas desta terra. Que nom caiades nos dogmas nem ponhades cancelas entre nos (digo isto mirando a deriva do BNG). Juntos somos umha força inquestionável, dinámica e vanguardista em muitos aspectos. Muito animo.
    Haveria que saber como se colabora có projecto, de quanto estimadas que som necessárias as aportaçons e todo isso.

    ResponderEliminar