De interese

01/07/2011

Sermos Galiza

por Teresa Moure

Cada día repítennos unha chea de veces as consignas do pesimismo: crise económica, desideoloxización da clase traballadora, mercantilismo consumista que suplanta as ideas, individualismo... As brumas do imperio parecen habitar entre nós. E, con todo, alén desta grisalla radiografía da nosa sociedade, na Galiza escóitanse sons de protesta. Unha multitude de persoas ilusionadas con faceren realidade o proxecto de transformación que o nacionalismo veu deseñando desde os seus inicios reméxense incómodas nas súas posicións; son a outra voz. Estas persoas non queren ser chamadas marxinais por pareceren poucas; non son dúas nin duascentas mais o seu número é difícil de predicir porque medrará abondo cando dean collido as forzas para informaren os demais, para reflexionaren en común, para teceren a súa propia rede.

Esta multitude está a demandar un espazo galego de comunicación para se asegurar as súas posibilidades de intervir na procura do pleno autogoberno. Agora, tras a desaparición nos últimos tempos de diferentes medios de comunicación en galego, é urxente ocuparmos ese baleiro e respondermos ás ansias informativas desa multitude que aspira á soberanía e que demanda, coherentemente, medios de comunicación propios, que transmitan a conciencia de sermos unha nación, de sermos Galiza. Precisamos medios que interpreten a realidade en termos galegos e non con ollada estatal nin europea. E precisámolos porque Galiza, historicamente marxinada, ten os seus propios intereses e a súa peculiar maneira de estar no mundo. Non hai aquí tentación ningunha de illamento nin moito menos de provincianismo: nada resultará máis internacional que exercermos o dereito á propia soberanía. Porén os medios de comunicación habituais non só escurecen as voces críticas e invisibilizan o noso potencial cultural diferenciado, senón que distorsionan o proceso de construción dunha realidade social alternativa e manipulan a opinión pública tentando derrubar as ideas liberadoras e críticas.

Neste tempo, desmesurado e voraz, unha multitude levanta o seu clamor para demostrar a súa firme crenza na forza creativa do entusiasmo, na afouteza de estar constituída por suxeitos que defenden unha idea e non os seus particulares intereses. Esa multitude pode organizarse en torno a este novo grupo de comunicación -Sermos Galiza-, que difunda as ideas da sociedade galega, que as apoie, que lle sirva de canle de transmisión para dar forma a unha iniciativa comprometida con Galiza como nación e que terá na lingua galega o seu primeiro sinal de identidade.

Quizais o termo multitude pareza excesivo cando as consignas do pesimismo insisten en que todas as posibilidades de cambio social están consumidas. Mais o concepto de multitude está impregnado de pluralidade, de heteroxeneidade, e encarna o desexo de transformarmos Galiza cun proxecto colectivo, vital, diverso e creativo. Velaquí un proxecto único, o de elixirmos o noso destino, que se realizará sobre o traballo, silencioso e entregado, daquelas e aqueles que se nos unan; unha multiplicidade de persoas a se expresaren libremente, negándose a que desde fóra lles conten a realidade: unha morea de resistentes coa ilusión de SERMOS GALIZA.  

2 comentários:

  1. ¿Existe posibilidade de colaborar? Quero dicir, tendes algunas tarefas delegables ou algunha previsión para incluír un programa de colaboradores.

    Coido que co espírito do proxecto sería o máis axeitado e que permitiría a esa "multitude" que quere colaborar, facelo sentindo o seu traballo parte dunha acción maior e enfocada a obxetivos palpables. É precisamente a acción individual e a falta de interconexión o único capaz de esmorecer esa vontade e coido que sería unha diferencia significativa. Por iso, ¿prevedes a apertura a colaboradores?

    ResponderEliminar
  2. Desculpade pola crudeza, pero ando algo despistada. Eu son subscritora de TEMPOS NOVOS, fun subscritora d´A Nosa Terra e habitual lectora de Vieiros. Parece que non vos dades conta de dúas cousas: a primeira, que o problema dos medios en galego é a falta de apoio dos lectores, que son os que o deben manter. Se A Nosa Terra (30 anos no mercado), Galicia Hoxe (8 anos),TEMPOS (15 anos), tiveron e teñen dificultades para vender exemplares e subscricións, até o pundo de algúns deles desparacer... que vos fai pensar que vós ides ser diferentes?
    E segunda: non se trata de poñer medios en marcha, senón de apoiar aos que están para axudar a normalizar a presenza do galego neste ámbito. E máis adiante, nunha segunda fase, poderemos crear outros novos. Ou é que nos gusta fracasar para poder chorar?

    ResponderEliminar