De interese

26/07/2011

Sermos Galiza: presentación ben sucedida


A iniciativa social Sermos Galiza foi presentada en Compostela no Día da Patria, no marco do Festigal. Máis de 150 persoas seguiron con atención e interese as informacións fornecidas polo Grupo Promotor, e acolleron con entusiasmo o apelo a se comprometeren no obxectivo de contarmos en breve cun potente medio de comunicación na nosa lingua. Aliás, intervencións de participantes no acto reafirmaron a necesidade do compromiso activo da cidadanía máis consciente deste País. Ficou claro que precisamos asentar un espazo de comunicación propio mais, para alén diso, tamén se sinalou a importancia de reforzarmos a autoestima colectiva demostrando que, de querermos, podemos. Unha animosa intervención desde o público cerrou o acto.


Neste momento, comprometerse coa imprensa en galego significa apoiar Sermos Galiza. Tratándose dunha iniciativa social, arroupar socialmente o proxecto é a mellor garantía de suceso. Convidámosvos, por tanto, a que continuedes a manifestar o apoio á iniciativa (pode facerse desde esta mesma páxina). Mais, agora é posíbel expresar tamén ese compromiso de maneira máis directa: adquirindo accións de Sermos Galiza e/ou asinando como subscritor/a do semanario.
A adquisición das accións pode facerse ingresando a cantidade correspondente ao número que se quixer adquirir na conta de SERMOS GALIZA, S.A. (sociedade en constitución) aberta en Novacaixagalicia: 2091 0319 29 3040016966. A contía de cada acción son 100 euros e o límite por accionista é o 10% do capital social, que ficou fixado en 300.000 euros.
Tornarse asinante (subscritor/a) do semanario que editará Sermos Galiza é outro modo de contribuír para o éxito do proxecto. Pode facerse preenchendo o formulario nesta páxina. A subscrición terá de ser confirmada no momento de o semanario saír, mais coñecer o número de persoas realmente interesadas en seren asinantes, até verificar que se alcanza o obxectivo de 3.000, é chave para garantir a viabilidade do proxecto.
Afirmamos, mais unha vez, o noso compromiso con esta iniciativa e apelamos ao voso, na certeza de que xunt@s imos conseguilo.

5 comentários:

  1. Parabéns polo esforço mas nom olho atinado tirardes um semanário em papel. Imprescindíveis som o jornal eletrónico e a estaçom de rádio mas o semanário em papel poucas cousas novas fornece às leitoras e sai muito caro. Tende em conta este comentário polo menos ao estabelecerdes a ordem de prioridades. Que vaia bem!

    ResponderEliminar
  2. Para que conseguir accionistas vai ser necesario que habilitedes unha interface axeitada cun mecanismo informático que dea garantías.
    Eu persoalmente desexo facerme subscritor mais non me vou facer mentres non exista o procedemento axeitado que me garanta as accións cun comprobante seguro.

    ResponderEliminar
  3. Móstrovos o meu apoio e compromiso e deséxovos que levedes o barco a bo porto.

    ResponderEliminar
  4. Insisto, os posíbeis accionistas necesitan garantías informáticas se se quere que depositen os seus cartos, non chega con pór un número de conta para que fagan unha transferencia, é necesario habilitar un mecanismo informático que emitan un comprobante fiábel como garante da titularidade das acción.

    ResponderEliminar
  5. Estamos considerando os comentarios que piden máis garantías a respecto da titularidade das accións e estudaremos posíbeis propostas. Mais, achamos que a mellor garantía é o xustificante de ter realizado o ingreso bancario. Un xustificante da Caixa que no concepto pon "compra de ..x... accións de sermos galiza" é un documento con plena validez e garantía. En calquera caso, estudaremos o asunto. Grazas a tod@s polo interese e o respaldo ao proxecto.
    Grupo Promotor

    ResponderEliminar