De interese

25/10/2011

Sermos Galiza continúa dándose a coñecer e sumando apoios

Imaxe da presentación en Foz

A pasada segunda feira, 21 de outubro, Sermos Galiza presenteouse en Foz e na segunda, 24, o lanzamento público decorreu en Lugo. Para alén da sempre numerosa asistencia, Primero motivo de satisfacción, en cada acto percibimos complicidade, ilusión e compromiso. E o froito de todo iso vai construíndo colectivamente o medio de comunicación que a Galiza precisa. O proxecto suma apoios día a día. Mais aínda é moito o camiño que fica por diante e que debemos percorrer entre tod@s @s que partillamos a necesidade dunha imprensa libre, crítica, galega e na nosa lingua. Podemos facelo tornándonos accionistas e anotándonos como subscritores do semanario. Tamén contribuíndo para difundir a iniciativa entre amig@s e coñecid@s. Contamos con vós!
Sermos Galiza continúa dándose a coñecer. As próximas citas:

AS PONTES.- Cuarta, 26 de outubro, ás 8 da tarde na Biblioteca Municipal (Avda. de Castelao, sn). Organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Coa presenza de Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

LALÍN.- Quinta, 27 de outubro, ás 8'30 na Casa Museo Ramón Aller. Organizada por Queremos Galego Deza. Coa participación de Nemésio Barxa, Néstor Rego e Olalla Rodil.
En Lugo: Tereixa Campos, Tonina Gay, María Reimóndez,
 Néstor Rego, Olalla Rodil e Rubén Lois

O CARBALLIÑO.- Sexta 28 de outubro, ás 8'30 no Casino, en colaboración coa Asociación Cultural Avantar.

BETANZOS.- Sexta, 4 de novembro, ás 8'30 no Salón azul do Liceo de Betanzos. Organizada conxuntamente polas asiociacións Roxín Roxal e Eira Vella. Coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Rubén Lois e Xurxo Souto.

Agradecemos, máis unha vez, o labor das entidades que colaboran para facer posíbel a difusión da iniciativa Sermos Galiza e que, aliás, dá conta do carácter social e colectivo que queremos para este proxecto.


23/10/2011

Sermos Galiza

Xosé Lois 'O Carrabouxo'
Grupo Promotor de Sermos Galiza

20/10/2011

Con vós, avanza Sermos Galiza

A presentación en Compostela

Na mañá desta cuarta feira, 19 de outubro, un ingreso realizado pola profesora da USC Aurora Marco López, supuxo ultrapasar os 100.000 euros efectivos na conta de SERMOS GALIZA SA (Sociedade en constitución) para a formación do capital social da empresa. Agradecemos inmenso a confianza, a xenerosidade e o compromiso coa lingua e co País das 245 persoas que xa son accionistas. Mais, a pesar de haber xa outras cantidades comprometidas en firme, temos que continuar a traballar para alcanzarmos os 300.000 euros que nos marcamos como obxectivo e que garantirán a capacidade operativa do novo medio.

Sabemos que somos moit@s @s que partillamos a necesidade dun medio de comunicación libre, crítico, galego e en galego. Un medio que reflicta de modo verdadeiro a realidade da Galiza en toda a súa dimensión. Que leve ás súas páxinas, para alén da actualidade política institucional, o acontecer social, sindical, cultural ou ambiental e que se faga eco do inestimábel labor que asociacións, colectivos ou persoas individuais desenvolven neste como noutros campos. Que nos achegue na nosa lingua e, aliás, sen mediatizar nin deturpar a información do que acontece polo mundo fóra. Que recolla unha opinión comprometida e interprete a información en clave de País.

E todas as persoas que compartillamos esta necesidade estamos chamadas a participar. Este proxecto é de tod@s @s que quixeren facer parte del. Lembrade o nº de conta: 2080 0319 69 3040016966 (NCG) E se xa tiverdes decidido tornarvos accionistas de Sermos Galiza, non demoredes en facelo: queremos ter reunido a totalidade do capital social na primeira semana de novembro. Contamos con vós! Grazas polo voso apoio.

19/10/2011

Sermos Galiza continúa a explicar o proxecto

Imaxe da presentación en Pontevedra
Após unha xeira de presentacións  en 7 cidades e vilas, a iniciativa social Sermos Galiza continúa explicando o proxecto para a construción colectiva dun novo medio de comunicación nosa nosa lingua. 
A próxima cita decorrerá en Foz, organizada polas asociacións culturais de todos os concellos da Mariña, que fan parte da Federación Galiza Cultura. Será ás 8'30 da tarde na Casa da Cultura 'Manuel María'. O calendario de presentacións ten aínda outras citas:

LUGO.- Segunda feira, 24 de outubro, ás 8 da tarde na Galería SARGADELOS. Organizada polo Club Cultural Valle-Inclán.  Participarán os membros do Grupo Promotor Marica Campo, Rubén Lois, Néstor Rego, María Reimóndez e Olala Rodil. 

AS PONTES.- Cuarta, 26 de outubro, ás 8 da tarde na Biblioteca Municipal (Avda. de Castelao, sn). Organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Coa presenza de Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

LALÍN.- Quinta, 27 de outubro, ás 8'30 na Casa Museo Ramón Aller. Coa participación de Nemésio Barxa, Néstor Rego e Olalla Rodil.

O CARBALLIÑO.- Sexta 28 de outubro, ás 8'30 no Casino, en colaboración coa Asociación Cultural Avantar.

BETANZOS.- Sexta, 4 de novembro, ás 8'30 no Salón azul do Liceo de Betanzos. Organizada conxuntamente polas asiociacións Roxín Roxal e Eira Vella. Coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Rubén Lois e Xurxo Souto.

Agradecemos, máis unha vez, o labor das entidades que colaboran para facer posíbel a difusión da iniciativa Sermos Galiza e que, aliás, dá conta do carácter social e colectivo que queremos para este proxecto.

11/10/2011

Sermos Galiza: comezamos a conta atrás

Teresa Moure no centro, intervindo no acto de Compostela


Teresa Moure
Grupo Promotor de Sermos Galiza


Á hora de presentarmos o proxecto Sermos Galiza á sociedade o primeiro sentimento que abrolla en cada un dos actos públicos que se van sucedendo é o dunha necesidade partillada. Poderiamos mesmo felicitarnos colectivamente cada asistente por esta capacidade de convocatoria, por esta sensación de complicidade. Que tantas persoas deixen de facer as tarefas urxentes de cada día para se sentaren a debullar os detalles dun proxecto de tal envergadura significa que, contra os malos augurios, ... aquí hai pobo! Gustaríame agradecer profundamente desde estas liñas a tant@s asistentes, e tamén a tantas asociacións culturais, a tantos centros de difusión de ideas, a tantas persoas individuais que se prestaron a citar a súa veciñanza, que nos presentan e que nos avalan coa súa presenza ou coa súas calorosas exhortacións a pór fin a este silencio comunicativo en que nos movemos. 
Por suposto, cabe agradecer moi especialmente, ademais da asistencia, as contribucións que moitas das persoas que acoden aos actos de presentacións xa fixeron, mesmo antes de concorrer a eles. Grazas por crerdes neste soño! Unha vez rematada esta cortesía mínima vou deixar de falar como se este proxecto fose noso, do grupo promotor, porque unha das cousas máis importantes para as que estamos a convocar á sociedade galega é para dicir que este proxecto é voso, de todas as persoas que decidan subscribirse ou mercar accións. 
Xa sabemos que vivimos un momento crítico da historia. No internacional, padecemos os últimos estertores do modelo neoliberal, que nos converteu a todas as persoas traballadoras en afectadas do abuso dos ditados económicos. No nacional, sufrimos un goberno trapalleiro, que converteu a lingua no seu principal inimigo e no social, entre tantas outras cuestións, o peche reiterado de todos os medios de comunicación en galego. Vieiros, A Peneira, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Galicia hoxe e multiplicado por dous cando coexistiren edición en papel e mais dixital. Todos foron desaparecendo, como se se tratase de demostrar que a información en galego non lle interesa a ninguén. Brincadeiras á parte, non me gusta falar do desastre xeral dos xornais cando se presenta este proxecto. Podería parecer que andamos pechando a competencia antes de entrarmos nós en faena. En realidade, por ideoloxía, nin sequera levo ben o concepto

Creado no Facebook o Grupo Eu tamén son accionista de Sermos Galiza

Imaxe da presentación de Sermos Galiza en Ourense


Sermos Galiza é de orixe un proxecto colectivo. O obxectivo é  crear entre tod@s @s que partillamos a necesidade de asentarmos un espazo de información propio, o medio de comunicación que a Galiza precisa: libre, crítico, comprometido, galego e en galego. Concebido desta maneira, necesariamente se ten de apoiar nunha base larga de pequenos accionistas e subscritores/as. É dicir, somos os lectores e lectoras os que temos que construír o medio que queremos. Deste modo, manterase  por si mesmo, sen dependencias empresariais ou institucionais, como a mellor garantía de independencia e de continuidade de futuro.
Co obxectivo de visibilizar este carácter colectivo, de pór nomes e caras ao proxecto, creouse no Facebook o Grupo Eu tamén son accionista de Sermos Galiza. Servirá, aliás, para contribuír para a difusión da iniciativa e para encoraxar outras persoas a participaren. Se tiveres perfil no Facebook e xa es accionista, únete ao grupo; se aínda non o fores, agora é o momento. Dá o paso: tórnate accionista de Sermos Galiza ingresando na conta nº 2080 0319 69 3040016966 (NCG) a cantidade correspondente ás accións que quixeres adquirir (100 euros cada). Entre tod@s podemos. Contamos con vós!

09/10/2011

No quiosque virtual

O lanzamento en xullo pasado da inicitiva Sermos Galiza non mereceu -con algunhas, poucas, honrosas excepcións- a atención dos medios de comunicación estabelecidos. Porén, foron moitas as páxinas, blogues e medios que integran o universo da rede en galego que se fixeron eco do proxecto e contribúen para difundilo. Como facilmente se comprobará, moitos deles responden, como pretende tamén Sermos Galiza, a proxectos colectivos e á vontade de poder desenvolver con normalidade a nosa vida en galego. A tod@s, obrigado.
Na sección No quiosque virtual, á dereita, recollemos as ligazóns coas informacións que van aparecendo. Con certeza que non estarán aínda todas, mais será sempre por descoñecemento. Agradeceremos, por tanto, a colaboración das persoas que quixeren achegar noticia de informacións que foren aparecendo ou xa teñan aparecido para podermos incorporalas.