Teresa Moure no centro, intervindo no acto de Compostela |
Teresa Moure
Grupo Promotor de Sermos Galiza
Á hora de presentarmos o proxecto Sermos Galiza á sociedade o primeiro sentimento que abrolla en cada un dos actos públicos que se van sucedendo é o dunha necesidade partillada. Poderiamos mesmo felicitarnos colectivamente cada asistente por esta capacidade de convocatoria, por esta sensación de complicidade. Que tantas persoas deixen de facer as tarefas urxentes de cada día para se sentaren a debullar os detalles dun proxecto de tal envergadura significa que, contra os malos augurios, ... aquí hai pobo! Gustaríame agradecer profundamente desde estas liñas a tant@s asistentes, e tamén a tantas asociacións culturais, a tantos centros de difusión de ideas, a tantas persoas individuais que se prestaron a citar a súa veciñanza, que nos presentan e que nos avalan coa súa presenza ou coa súas calorosas exhortacións a pór fin a este silencio comunicativo en que nos movemos.
Por suposto, cabe agradecer moi especialmente, ademais da asistencia, as contribucións que moitas das persoas que acoden aos actos de presentacións xa fixeron, mesmo antes de concorrer a eles. Grazas por crerdes neste soño! Unha vez rematada esta cortesía mínima vou deixar de falar como se este proxecto fose noso, do grupo promotor, porque unha das cousas máis importantes para as que estamos a convocar á sociedade galega é para dicir que este proxecto é voso, de todas as persoas que decidan subscribirse ou mercar accións.
Xa sabemos que vivimos un momento crítico da historia. No internacional, padecemos os últimos estertores do modelo neoliberal, que nos converteu a todas as persoas traballadoras en afectadas do abuso dos ditados económicos. No nacional, sufrimos un goberno trapalleiro, que converteu a lingua no seu principal inimigo e no social, entre tantas outras cuestións, o peche reiterado de todos os medios de comunicación en galego. Vieiros, A Peneira, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Galicia hoxe e multiplicado por dous cando coexistiren edición en papel e mais dixital. Todos foron desaparecendo, como se se tratase de demostrar que a información en galego non lle interesa a ninguén. Brincadeiras á parte, non me gusta falar do desastre xeral dos xornais cando se presenta este proxecto. Podería parecer que andamos pechando a competencia antes de entrarmos nós en faena. En realidade, por ideoloxía, nin sequera levo ben o concepto
de competencia. De feito, voulle dedicar unhas palabras eloxiosas a unha das poucas excepcións que se salvan da queima dos medios desta tempada, o Novas da Galiza, un medio crítico e interesante, que continúa por fortuna vivo. Desexamos mil primaveras máis para o Novas. Se só nos movese o afán de competencia, isto sería impensábel; mais como o que nos dá pulo é o interese de facermos país, de construírmos conciencia nacional, entendemos que todos os proxectos que cada día vexan o lume feitos desde o arredismo, con entusiasmo, con entrega, con interese crítico, están no mesmo barco. Así tamén nos recibiron desde o Novas, onde xa publicaron unha entrevista con algún dos promotores, un comportamento ben distinto ao do resto dos medios que desde o comezo nos silenciaron absolutamente. Porén, eu quería afastarvos un momento da realidade inmediata, esa do peche doutros proxectos, porque con frecuencia a evocación doutras cabeceiras induce ao vicio da comparación. Persoalmente procuro non facer comentarios salientando o que nos aproxima ou o que nos distingue de iniciativas previas. É hora, coido eu, de pasarmos páxina. Sen entrarmos a analizar nada, Sermos Galiza é un proxecto distinto. Non somos arrogantes nin pensamos estar en posesión da razón mais Sermos non xorde como é habitual. O máis frecuente é constituír unha empresa cun capital e cuns obxectivos de mercado e, despois desenvolver un determinado produto. Aquí traballamos ao revés. Primeiro deseñamos un proxecto e despois constituímos unha empresa. E iso permite que Sermos Galiza sexa unha iniciativa sen precedentes na prensa galega, talvez na prensa planetaria... ou casemente.
Antes de concretarmos o proceso, querería citar un texto que escribiu un dos membros do grupo promotor:
<<Mais hai unha cousa que corre moita présa. Fai falla un comité que se encargue de ver a maneira de que en Galiza haxa pronto un xornal diario totalmente composto na nosa lingua, pois ese sería o mellor expoñente do valor do noso idioma e dos seus direitos a ser recoñecido con capacidade bastante para ser a nosa lingua oficialmente nacional. Claro que xa está demostrado polo incansábel labor das nosas letras mais, nisto como en todo, a espectacularidade do escaparate con que nos presentemos sempre influirá moito. Isto do xornal debe tomarse como cousa de amor propio, e sobran cartos en Galiza, e se non os atopamos en Galiza buscarémolos entre @s mellores galeg@s do mundo, entre @s galeg@s de América que estando sempre dispost@s a acudir a cantas chamadas se lle fan para o melloramento da patria, non faltarán co seu concurso a unha obra tan necesaria para que Galiza apareza nesta hora coas mesmas roupaxes de gala que poidan ofrecer as demais nacións ibéricas. As nacións que están conquerindo a súa liberdade e que teñen lingua propia teñen os seus boletíns diarios que pregoan a importancia da mesma. Galiza, aínda non...>>
Por estraño que poida parecer, tomei este extracto do artigo −cunha simple adaptación á sensibilidade contemporánea incluíndo o feminino a través da @− publicado en A Nosa Terra, o 1 de setembro de 1931 por un tal Fernán Cobas. Hai 80 anos disto, como do voto feminino. O seu autor non puido asistir as nosas reunións este verán por se achar comodamente deitado no cemiterio de Santo Amaro mais, en canto se dea levantado, virá. Quizais a estas horas xa estea sentado aquí, entre vós. Benvido, Fernán, e benvida a tantas persoas promotoras que chegan de atrás, alumeándonos como devanceir@s.
Para continuarmos sen demasiado apego á realidade inmediata, −esa que nos quita os ollos e nos fai ver o que queren que vexamos− quería lembrar a importancia da prensa na nosa historia. Porque os medios de comunicación fan moito máis que contar o que sucede. Quizais contar o que sucede só sexa a parte visíbel do iceberg. Con moita frecuencia dise que se aínda falamos galego é porque o pobo traballador o conservou para nós. É certo. Mais ás veces esquecemos que entre o pobo traballador están as persoas que escribiron; tamén pobo, e pobo traballador. Cun forte proceso de diglosia minándonos e unha historia marcada pola baixa auto-estima, o pobo labrego e mariñeiro só non daría conservado a lingua se non tivésemos iso que se chamou o segundo renacemento. Sen a valentía de Rosalía de Castro e dalgunhas persoas máis que a fixaron por escrito, sería cando menos moi difícil que vísemos a nosa lingua como algo distinto dun dialecto de andar por casa. Esa tarefa fíxose a través de libros, de editoriais case artesás, de follas voandeiras e, tamén, cando os houbo, de xornais.
Non sei se estaremos a valorar de xeito acaído o fenómeno da escrita na contemporaneidade. Por primeira vez na historia as clases traballadoras están completamente alfabetizadas e este feito coincide co momento en que, tamén por primeira vez, a sociedade galega acada un nivel de desenvolvemento económico que permite dedicar algún excedente á cultura escrita. Coa aspiración de chegar a formar parte das clases medias, a instrución divulga entre o proletariado os libros dentro dun sistema escolar cada vez máis longo e universal,... polo menos por agora. Mesmo sen perder o carácter de elite cultural, a literatura penetra en todas as casas. Na fórmula máis simple, a escrita entra a través do xornal, que en principio −e nótase− vai destinado ao pai da familia. Mais o gran capital, sempre atento, decatouse axiña desta dispoñibilidade universal para a cultura escrita; de aí a proliferación de revistas específicas de coches, de motos, de caza, ou publicacións que mesturan o erótico, o deportivo e o político en distinto grao, ademais das publicacións estritamente femininas que adoitan acompañar os xornais. Noutro momento haberá que meditar por que non se conseguiu aínda que esa poboación alfabetizada e con certos recursos se afixese a frecuentar as librarías ou, especialmente, se afixese a sentir como propia a lingua e a cultura de noso. Mais o certo é que, se a transmisión de coñecemento por vía escrita é o motor básico da cultura occidental, na Galiza temos razóns específicas para devecermos polos textos. Non en van foi por escrito como aprendemos a nos recoñecer como nación diferenciada; foi ver a nosa fala −que chamaban rural e torpe− en letras impresas o que alimentou o noso orgullo e nos deu azos para voar alto. Sen os proxectos editoriais das Irmandades da Fala ou de Anxel Casal non dariamos conservado a nosa dignidade nin espallado a idea fulcral de que o discurso escrito faría o pobo.
Nos xornais, entre outros, escribiron os perseguidos, os silenciados. Moitos dos galeguistas que pensaron e axitaron non chegaron a ver o seu pensamento nin a súa acción política pousada nun libro ou nunha iniciativa parlamentaria; só ciscada polas columnas dos xornais. Mais a prensa ten unha peculiar relación coas mulleres. A pesar da contradición de os xornais se destinaren ao home burgués −ou precisamente por iso, para ocupar estes medios de produción de ideas− as mulleres de finais do século XIX e principios do XX anímanse a publicar pequenos contributos nos xornais. En revistas comeza Concepción Arenal a ter unha voz propia e, máis tarde, a pedagoga republicana María Barbeito. Moitas mulleres hoxe descoñecidas, como a compostelá Pura Lorenzana, escribiron nos xornais opinións sobre a instrución feminina ou o divorcio, tratados sobre moral e costumes, ou, por raro que nos pareza nun xornal, tamén poesía. En revistas galegas escribiron Elvira Bao, Mercedes Vieito Bouza, Emilia Calé, Manuela Cambronero, Elisa Lestache, Joaquina López de la Vega, Amadora Tapia, Ramona Simán, Avelina Valladares, Clara Corral, Emilia Portal, Sofía Casanova, Filomena Dato Muruais ou Virginia Felicia Auber. Todas elas galegas, todas elas escritoras na prensa. A prensa non é algo que necesitemos coxunturalmente porque acaban de pechar uns determinados medios; a prensa é necesaria para que unha sociedade poida producir e debater ideas; para que unha sociedade cre suxeitos libres, capaces de pensaren por si propios.
E é hora de entrar no proxecto. Algunhas persoas, cuxos nomes xa coñecedes polo blogue −sermosgaliza.blogspot.com− comezamos a falar nos últimos días de xuño pasado das posibilidades que viamos para un proxecto de comunicación. Comprometemos moito tempo e esforzo, e algúns cartos. Inicialmente centramos o noso traballo en incluírmos máis sensibilidades, en ampliarmos o grupo e darmos cabida a todas as tendencias, agrupacións, colectividades que tivesen a defensa de Galiza presente na súa ideoloxía e o galego como lingua de instalación. Non todas quixeron subir ao carro mais si que o tentamos. E conseguimos unha primeira listaxe de apoios de persoas que están a cabeza de organizacións diversas, e que pensamos moi representativa da pluralidade que queriamos conseguir. Non somos tres amiguetes. Non somos un lobby da comunicación. Tampouco somos o brazo de organización ningunha. Somos −sodes, quen queira sumarse− un grupo tan heteroxéneo como a sociedade galega; un grupo tan dispar, tan variado, tan múltiplo que o raro é que nos deamos posto de acordo en algo. Tampouco non somos intrusos na profesión xornalística, como quizais alguén por aí poida pensar. Nin se nos pasa pola cabeza facer o xornal nós cada mañá. Esa é a razón pola cal non hai xornalistas no grupo promotor. Pensamos que nun momento como este de precariedade laboral e de problemas na profesión xornalística, non sería unha boa práctica a de confundirmos grupo promotor e persoal. Nós somos persoas cunha idea que temos como misión darlle profundidade, servir de caixa de resonancia e difundir... Aí acaba o noso labor.
Sermos Galiza é unha iniciativa para constituír unha Sociedade Anónima que xestionará un diario dixital e máis un semanario en papel. Quizais haxa despois outros proxectos, en particular o grupo promotor séntese inclinado pola radio, mais isto aínda non existe. Despois de estudarmos a viabilidade económica, botamos contas prescindindo da publicidade. Por que? Pois porque é un sector inestábel −hoxe en caída− e ademais, para falarmos con toda a transparencia, porque sabemos da dificultade de contar con anunciantes. Funcionaremos a través de subscricións anuais duns 160 euros, de forma que cada semanario sairá a un pouco menos de 3 euros. Para mover todo isto precisamos xuntar primeiro un capital importante, 300 mil euros, que nos darían solvencia durante un prazo razoábel de tempo, o suficiente para darlle certo arraigo. Convocámosvos para encoraxarvos a mercardes esas accións. Porque saír ao mercado ten certos riscos. Se as mercar Bill Gates, ou NovacaixaGalicia ou o Papa Ratzinger, o proxecto será distinto de se as mercamos as e os que asistimos a estas presentacións, parece claro. O deseño da idea pode proceder do grupo promotor mais quen executará as decisións será a xunta de accionistas logo da constitución da empresa. Precisamente, para evitarmos que ningunha parte compradora poida tomar o control e evitar que Sermos Galiza se converta nun proxecto empresarial ao uso, puxemos a limitación de que ninguén poderá mercar máis do 10% das accións.
Que vos pedimos como grupo promotor de Sermos Galiza?
En primeiro lugar, que vos deixedes ilusionar cun proxecto necesario. Xa está ben de que nos conten a realidade como queren! Xa está ben de que nos digan, por exemplo, que un sector inapreciábel do profesorado se está a mobilizar contra as medidas da Consellaría de Educación! Xa está ben de que nos digan que apenas tres tolos estaban manifestándose en San Caetano pola lingua! Despois da presentación na Coruña de Sermos Galiza, nalgúns medios restrinxidos saíron publicadas opinións favorábeis ao proxecto. Algunha delas salientaba a sorpresa de que, cunha sociedade dinámica e culta como a galega, que se foi dotando de centros culturais e dun tecido asociativo considerábel, como pode ser que a prensa maioritaria estea a tan baixa altura? Efectivamente, como pode ser a nosa prensa unha que pasa a vida a tirar pedras contra Galiza? Como pode ser nosa unha empresa de comunicación cando considera que defender a lingua propia é ser do monte, ou que reclamarmos soberanía é non querermos formar parte da xente traballadora do mundo unida?
O segundo que vos queremos pedir é que, unha vez que vos ilusionastes, que lle deades difusión a esta idea. Queremos que os produtos que xurdan de Sermos Galiza estean nas cafetarías e nos bares de copas, que estean nos centros de traballo, que sexan, real e efectivamente, a outra voz.
Finalmente e na medida das vosas posibilidades, nun momento difícil como este, pregámosvos que vos comprometades cunha achega económica. As accións custan 100 euros, coa idea de que o proxecto tivese sustento social, que fose o máis popular posíbel. Algunha desas accións xa foi mercada por algún mozo desempregado. Outras persoas mercamos un paquete un pouquiño máis grande. Seguro que podemos rañar a carteira para demostrarlles que denantes pobres que escravas. Pensade que é algo moi importante o que adquirimos: é o dereito ao futuro.
Finalmente, como xa dixen no blogue, non son unha gran lectora de prensa. Amólame ese produto clásico que foi creado para o pai de familia, coa súa sección de sucesos para se escandalizar a gusto, a súas columnas centrais de política do estado que chaman nacional, as súas páxinas de prostitución anunciada e até o horóscopo para ver se, despois de tanta "información", ao suxeito en cuestión aínda lle van saír ben as cousas. Na vida, con frecuencia me sinto molesta polos tópicos que acompañan as entrevistas, pola rapidez e a frugalidade con que a linguaxe xornalística trata os asuntos, pola agresividade que o mercado puxo de moda. Mais estou certa tamén de que outra prensa é posíbel. É posíbel unha prensa de esquerdas, feita para o pobo e polo pobo, desenvolvida con óptica radicalmente soberana, unha prensa que teña presente que os grandes movementos sociais −que as ideas do feminismo, do ecoloxismo, da relación entre quen produce e quen consome alimentos− teñen un fundamento político e unha razón ética que as fai máis respectábeis, máis suxestivas para saíren no xornal que a defensa da monarquía ou da constitución. E digo isto porque hai uns anos recibín unha oferta para escribir nun medio de gran difusión en Galicia. A única limitación que me marcaban era esa: non escribir contra o rei ou contra a constitución. Como se o propio concepto de monarquía non fose posto en xuízo polo artigo primeiro da Declaración dos dereitos humanos, alí onde di que todas as persoas nacen libres e iguais... Ou como se a constitución que-non-se-podía-criticar-nin-modificar non fose un texto agresivo, que lesiona a nosa nación chamándoa comunidade autónoma. Tiven que rexeitar a oferta. Poucos meses despois, outro dos medios máis instalados púñase en contacto comigo. Ofrecíanme unha columna de pensamento semanal coa única condición de que escribise en español. Cando aleguei que nese xornal había quen escribía en galego −por que eles si e eu non?− contestáronme: "iso é na sección de cultura e a ti estámosche ofrecendo pensamento". Pareceume raro que a min, unha muller, me fosen reservar algo supostamente de máis categoría. Tamén me abraiou que quen me falaba non deixaba espazo para concesións: a cultura podía ir en galego, o sublime pensamento non. Mais nunca se me foi da cabeza a sospeita de que querían utilizarme para dicir que as escritoras e os escritores usabamos o galego por unha caste de costumismo e non por unha convicción máis profunda, pola decisión rebelde e contra-poder de vivirmos en galego. Por suposto que houbo que contestar, "españois, go home!"
Conto as miñas anécdotas porque é hora de tirarmos á luz a nosa insatisfacción cos medios que nos rodean. Mais cadaquén terá as propias batallas que contar. O asunto é que, como percorremos ese camiño, temos a idea clara de que outra prensa debe ser posíbel. Posíbel e urxente, para nos regalarmos outros ollos con que interpretar a realidade que nos envolve. Por Sermos Galiza!
* Intervención de Teresa Moure na presentación de Sermos Galiza en Compostela
Se todo o tempo e o esforço -e por vezes o dinheiro- que pomos em choromicar ou vituperar o empregássemos em colaborar num projecto comum não estaríamos na situação lamentável em que estamos. Só pediria transparência e respeito pelo esforço que muitos galegos fazem, em condições nada favoráveis, para aprender e usar o que eles consideram melhor para o galego (e para todos). A convivência livre e respeitosa entre as normas é justa, é necessária, é boa para todos (não assim para os médios que condicionaram tão miseravelmente a colaboração da autora do artigo, Teresa Moure).
ResponderEliminarA ti non che importa o galego, Pedro Bravo, a ti importache o portugués, al que nunca tera futuro en Galicia, e se SERMOS vai por ese carreiro lusista acabará mal.
ResponderEliminarMelhor julgar que perguntar, e anicar-se que erguer-se... vai-se cómodo e se avança fácil, água abaixo, mas esse carreiro é o que nos trouxe até aqui, "Galícia". “Polidamante essas tuas palavras em nada me agradam [...] O mais propício sinal é lutar em defesa da pátria." É o talante que destilas o que aborreço.
ResponderEliminar