Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor da UdC, envíanos amabelmente un breve apuntamento sobre o lanzamento de Sermos Galiza na cidade da Coruña.
Na pasada quinta feira, día 22 de setembro, entre as 20.00h. e as 21.30h, tivo lugar, nos locais da AC Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 18, 1º), o lanzamento na Coruña da iniciativa cidadá “Sermos Galiza”. O suceso da convocatoria, en que falaron dous dos seus promotores, Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato, sintetízase na cantidade de xente que foi ao acto, pois estímase que case cen persoas acompañaron o desenvolvemento da actividade: todas as cadeiras ocupadas, o corredor ateigado e moita xente de pé renden conta da asistencia que tivo o tal evento.
Precisamente, a respecto do público que acudiu, cómpre repararmos na súa plural composición, o que pode dar idea da proxección social que “Sermos Galiza” está a conseguir entre os diversos sectores sociais preocupados polo país e pola lingua: persoas destacadas do mundo da cultura, representantes de asociacións de veciñas e veciños, estudantes, membros de asociacións culturais, integrantes de colectivos ecoloxistas, persoas do ámbito político, xornalistas, representantes sindicais etc. Despois das intervencións de Freixeiro e de Souto, produciuse un interesante debate, en que as ideas que máis se comentaron foron a necesidade de compromiso co país, a pluralidade nos argumentos de defesa da lingua galega ou a necesidade dunha información de calidade no idioma propio da Galiza.
Parabéns, por tanto, ao grupo promotor do proxecto “Sermos Galiza” e tamén á AC Alexandre Bóveda por acoller esta iniciativa no seu local.
Alguén ten que abrir a veda. Propoño un nome para o novo xornal: ÁRBORE. Argumento: apártase da ringleira dos nomes tópicos. Achega a idea de comunicación cósmica pero con raigañas ben fondas na terra.E incide na visión de intercomunicación en rede. Mais non dende a frialdade do virtual, senón dende a vedade do orgánico.
ResponderEliminarInsisto: ÁRBORE. Fecundidade feminina! Por favor máis propostas ! Que principie o debate !!