De interese

10/09/2011

Se digo a verdade


Teresa Moure
Grupo Promotor de Sermos Galiza


Se digo a verdade, nunca fun lectora de xornais. Sempre pensei que roubaban un tempo precioso para ler. Ensaios profundos e creativos fican sen público, mentres cada día se vende un xornalismo superficial, ás veces tópico. Non resulta politicamente correcto declaralo, xa o sei, mais non me interesa cultivar ningunha das formas da hipocrisía. Por riba, sempre pensei que os xornais ían dirixidos a un tipo de individuo que non tiña nada a ver comigo; máis claro, que os xornais estaban deseñados para os homes ou, mellor, para un tipo específico de home que quere estar ao día; iso si, só de determinados asuntos. Nin os seus sucesos, nin os seus deportes, nin a súa sección de contactos, nada se salvaba. Outras mulleres téñenme comentado que partillaban comigo esa mesma percepción de entraren en territorio hostil ao pasaren as páxinas. Nin a estatalista división entre "internacional" e "nacional", nin a sección de cultura onde aparecen comentadas as series de televisión, nin os horóscopos. Sen arrogancia ningunha, mais sen complexos, sempre considerei que non ían comigo. Nun mundo de falsas aparencias, onde se rende pleitesía aos famosos, que o son porque se fala deles, aínda que sexa mal, fronte ao calado traballo de tantas persoas abnegadas que nunca teñen voz, non é para acreditar no que digan os xornais. Nun mundo onde cadaquén sabe que é noticia o que lle interesa ao poder que sexa noticia, e que deixa de ser relevante un conflito cando alguén intereseiramente así o decide, non é para poñerse a soñar que estamos informad@s por lermos un xornal. Nin cinco. Cada un coas súas mentiras, iso sempre pensei. Cando era nena, miña nai díxome que era unha trapallada todo o que saía na televisión, que nin os deterxentes lavaban máis branco por pagaren publicidade televisiva, nin o chuca-cao era máis nutritivo porque o dixesen no anuncio. Desde aquela detesto a publicidade, a venda consentida de mentiras, iso que se chama a creación da opinión. Xa se decatará quen isto lea que para min non foi doado sumarme ao carro de Sermos Galiza.
Supoño que, cando me animaron a formar parte do grupo promotor, eu podería responder "A quen lle fai falta un xornal?". Mais esa resposta tería algo de cínica. Sería como exclamar "A quen lle fai falta pan?" cando quixese protestar contra os alimentos xeneticamente manipulados, ou como dicir "A quen lle fai falta a amizade?" para responder con acritude a alguén que me fallou. Nesta altura somos conscientes de que as sociedades, como as persoas, precisan desenvolver o seu propio xuízo, debater, interrogarse e comentar. Como profesora sempre teimo na participación na aula porque do debate nacen as ideas propias, e as ideas propias son a base para entendermos o mundo. Abofé que non facía falta ser unha experta en socioloxía para decatarme de que no momento actual ao pobo galego fanlle falta vías para expresar opinións, para divulgar ideas, para crear ilusións.
Daquela lembrei un artigo de Belén Gopegui. Contaba a miña admirada amiga como os seus pais, persoas cívicas e tranquilas, non acababan de ver con bos ollos as súas tendencias políticas, vinculadas á esquerda. En certa ocasión, cando ela participaba nun encontro internacional, sorprendéronse de non atopar unha soa referencia nos seus medios de comunicación habituais, algúns dos máis prestixiosos do Estado. Ao seu regreso, preguntáronlle pola causa dese lapso. Belén reflexiona sobre a xenerosidade desa pregunta: como aceptarmos que quen che conta cada día o que pasa no mundo anda a agochar algo importante, quizais por velo subversivo? Mais en Galiza tod@s temos esa experiencia. Se un preso sae correndo dun hospital, aparece nos xornais. Se varios miles de persoas se manifestan en defensa da lingua diante de San Caetano, non. A verdade está secuestrada. Por iso estou nisto de Sermos Galiza. Porque quero ver publicadas as opinións e as fotos que demostran que Galiza non está durmida. E ese día estarei orgullosa do xornalismo e deixarei os ensaios no andel até o verán.

2 comentários:

  1. Que interesantes, que atractivos son os textos que van saíndo neste blogue! Xa me está tardando ver o xornal. Moooitos áaanimos!

    ResponderEliminar
  2. Teresa, desde logo se non che gusta a creación de opinión...non participes en ningún xornal! Se queres un xornal plural, tarda un chamamento aos profesionais do gremio!!!!! O contrario será o mesmo ou semellante

    ResponderEliminar