De interese

28/09/2011

Suceso do lanzamento de Sermos Galiza na Coruña


Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor da UdC, envíanos amabelmente un breve apuntamento sobre o lanzamento de Sermos Galiza na cidade da Coruña.

Na pasada quinta feira, día 22 de setembro, entre as 20.00h. e as 21.30h, tivo lugar, nos locais da AC Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 18, 1º), o lanzamento na Coruña da iniciativa cidadá “Sermos Galiza”. O suceso da convocatoria, en que falaron dous dos seus promotores, Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato, sintetízase na cantidade de xente que foi ao acto, pois estímase que case cen persoas acompañaron o desenvolvemento da actividade: todas as cadeiras ocupadas, o corredor ateigado e moita xente de pé renden conta da asistencia que tivo o tal evento.

Precisamente, a respecto do público que acudiu, cómpre repararmos na súa plural composición, o que pode dar idea da proxección social que “Sermos Galiza” está a conseguir entre os diversos sectores sociais preocupados polo país e pola lingua: persoas destacadas do mundo da cultura, representantes de asociacións de veciñas e veciños, estudantes, membros de asociacións culturais, integrantes de colectivos ecoloxistas, persoas do ámbito político, xornalistas, representantes sindicais etc. Despois das intervencións de Freixeiro e de Souto, produciuse un interesante debate, en que as ideas que máis se comentaron foron a necesidade de compromiso co país, a pluralidade nos argumentos de defesa da lingua galega ou a necesidade dunha información de calidade no idioma propio da Galiza.

Parabéns, por tanto, ao grupo promotor do proxecto “Sermos Galiza” e tamén á AC Alexandre Bóveda por acoller esta iniciativa no seu local.


27/09/2011

Presentación de Sermos Galiza en Vigo


A próxima quinta feira, 29 de outubro, ás 8 da tarde, terá lugar a presentación de Sermos Galiza na cidade de Vigo. O acto, organizado pola Asociación Cultural O Castro, decorrerá na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa nº 2). Intervirán os membros do Grupo Promotor Marga Romero, Néstor Rego e Manuel Mera.


Tamén, nas datas próximas terán lugar as presentacións noutras cidades e vilas:

SANTIAGO DE COMPOSTELA.- Terza feira, 4 de outubro, ás 8 da tarde, no auditorio de Caixanova (Praza de Cervantes). Organizada pola Asociación Cultural O Galo.

OURENSE.- Cuarta feira, 5 de outubro, ás 8 da tarde na Auriense (Praza do Correxidor). Organizada pola Asociación Cultural Auriense.

CAMBADOS.- Cuarta feira, 5 de outubro, ás 8 da tarde en Exposalnés.

FERROL.- Quinta feira, 6 de outubro, ás 8 da tarde no auditorio da Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución s/n – Cantón de Molíns). Organizada pola Asociación Cultural Medulio.

Máis unha vez, queremos agradecer ás asociacións culturais O Castro, O Galo, Auriense e Medulio a inestimábel colaboración que prestan á divulgación do proxecto Sermos Galiza.

23/09/2011

Próximas presentacións de Sermos Galiza


Sermos Galiza, iniciativa que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para o lanzamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro de atención informativa, continúa a explicar o proxecto. Após o suceso da presentación na Coruña, as próximas citas están xa marcadas:
    • VIGO – Quinta feira, 29 de setembro, ás 8 da tarde na Casa Galega da Cultura (Praza da princesa nº 2), organizada pola Asociación Cultural O Castro.
    • SANTIAGO DE COMPOSTELA – Terza feira, 4 de outubro, ás 8 da tarde no auditorio de Nova Caixa Galicia (Praza de Cervantes), organizada pola Asociación Cultural O Galo.
Queremos agradecer publicamente a inestimábel colaboración das asociacións culturais O Castro e O Galo para a difusión do proxecto.
A convocatoria da presentación en Vigo, feita por O Castro vai acompañada do texto que reproducimos a seguir.


Afirma un proverbio suahili, que agora facemos galego, que quen sabe falar nunca é pobre. Hoxe somos, como pobo, un pouco máis pobres que onte. Nestes últimos tempos nós fomos quedando case sen fala, de vagar, case que por descoido, como quen queda de portas para fóra por deixar o chaveiro dentro da casa. A nosa voz esvause no vento como minguaba a imaxe daquel científico tolo que experimentaba con beberaxes na procura da invisibilidade.
Non nos referimos con esta imaxe ao estado da saúde de cadaquén, senón á desaparición de medios de comunicación galegos. Foise a histórica cabeceira A Nosa Terra, recluída nas hemerotecas como Merlín en Brocellanda, xunto con Galicia Hoxe e finalmente a edición impresa do Xornal de Galicia. Xa se anunciou tamén o peche da súa edición dixital para finais de ano. Debemos lembrar que con anterioridade xa desapareceran Vieiros e A Peneira entre outros. Dun tempo para esta parte desapareceron case todos os medios de comunicación en galego.
Alguén podería pensar que esta afonía social se debe a un mal aire, como se fose unha gripe de outono. Tamén podería pensar, no mesmo sentido naturista, que o seu carácter é pasaxeiro e que logo dun tempo prudencial as nosas voces volverán a se escoitar, se cadra con maior vigor. Falso. Non ten nada de natural que este andazo de afonías afecte só a medios en galego. Do mesmo xeito, tampouco é natural que unha gripe afecte unicamente ás persoas que levan o pelo curto, por poñer un exemplo de arbitrariedade.
A verdade é que non podemos falar porque nos estrangulan, porque queren afogar a nosa voz debido a que as nosas palabras molestan. As rudas e as feas anoxan, as cultas e elegantes incomodan, as túzaras e as máis intelixentes estorban, as maliciosas e as ben intencionadas chinchan por igual, as críticas proen como a rabia. Mesmo as palabras máis simples e inocentes provocan incomodo. Causan unha aguda e impertinente irritación nos oídos de quen nos odia.
Estamos nunha disxuntiva. Podemos non facer nada, ou laiarnos como moito e, xogando con aquela idea, se as persoas de ben non fan nada, daquela o mal triunfará. Deste xeito ficaremos sen voz, mudas e mudos todos, para sempre. A segunda posibilidade, en troca, consiste en loitar e ceibarse do xugo que nos afoga.
No segundo caso, o camiño que debemos tomar é construírmos o noso espazo comunicativo propio, do mesmo xeito que, nas épocas de seca sen chuvias, se cava un pozo para poder ter de onde sacar auga. Chamamos pois a coller a pa e a luxar as mans co traballo. Unha xigantesca tarefa vólvese pequena se traballamos todos e todas. Somos conscientes das posibilidades que abre o proxecto que nos dispoñemos  presentar. Saudamos, pois, a Iniciativa social por un medio de comunicación «Sermos Galiza».

15/09/2011

Presentación de Sermos Galiza na Coruña



Organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a próxima quinta feira, 22 de setembro, terá lugar a presentación de SERMOS GALIZA na cidade da Coruña. A presentación, que será ás 8 da tarde no salón de actos da asociación (Olmos 16-18, 1º), correrá a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto, do Grupo Promotor. Sermos Galiza agradece a inestimábel colaboración da A. C. Alexandre Bóveda na difusión do proxecto.
A convocatoria do acto feita pola ACAB vai acompañada do texto que reproducimos a seguir.

 Este verán tróuxonos un encadeamento de noticias relativas ao encerramento sucesivo dos escasos medios que utilizaban en exclusiva a lingua propia do país ou que lle daban unha presenza non meramente simbólica. Comezamos con A Nosa Terra, logo veu Galicia Hoxe, finalmente Xornal de Galicia, que se uniron á desaparición doutros medios anteriores como Vieiros ou A Peneira, até chegarmos ao ermo case absoluto actual, que nos fai recuar máis de un século. Face a esta lamentábel situación, produciuse un vento de esperanza coa aparición do proxecto 'Sermos Galiza', que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa. Se as persoas amantes da nosa lingua e do noso país coincidimos en que o momento é grave, debemos reaxir e apoiar este proxecto tamén economicamente, por riba das lóxicas dúbidas e reservas, pois é un proxecto vital tanto para a lingua galega como para a nación. E ten de ser igualmente un proxecto común, plural e transformador. Talvez non fiquen moitas máis oportunidades... Son horas, por tanto, de nos unirmos e de nos comprometermos nunha empresa que debe ser de todos e de todas. Logo non valerán as lamentacións nin as escusas. Ninguén o vai facer se entre todos e todas non somos quen de o facermos. De nós depende que sexa posíbel. Porque as persoas que vivimos en galego e como galegas e galegos conscientes tamén queremos ter voz. A voz que nós precisamos. A voz que a Galiza precisa.

Número de Conta de SERMOS GALIZA, SA, sociedade en constitución


Novacaixagalicia informa que, como consecuencia do proceso de integración tecnolóxica da dúas entidades anteriores, algúns códigos teñen mudado. Por tanto, se precisarmos de utilizar os 20 díxitos, o número de conta actual de Sermos Galiza, SA, no que facer os ingresos correspondentes á adquisición de accións é 2080-0319-69-3040016966.

10/09/2011

Se digo a verdade


Teresa Moure
Grupo Promotor de Sermos Galiza


Se digo a verdade, nunca fun lectora de xornais. Sempre pensei que roubaban un tempo precioso para ler. Ensaios profundos e creativos fican sen público, mentres cada día se vende un xornalismo superficial, ás veces tópico. Non resulta politicamente correcto declaralo, xa o sei, mais non me interesa cultivar ningunha das formas da hipocrisía. Por riba, sempre pensei que os xornais ían dirixidos a un tipo de individuo que non tiña nada a ver comigo; máis claro, que os xornais estaban deseñados para os homes ou, mellor, para un tipo específico de home que quere estar ao día; iso si, só de determinados asuntos. Nin os seus sucesos, nin os seus deportes, nin a súa sección de contactos, nada se salvaba. Outras mulleres téñenme comentado que partillaban comigo esa mesma percepción de entraren en territorio hostil ao pasaren as páxinas. Nin a estatalista división entre "internacional" e "nacional", nin a sección de cultura onde aparecen comentadas as series de televisión, nin os horóscopos. Sen arrogancia ningunha, mais sen complexos, sempre considerei que non ían comigo. Nun mundo de falsas aparencias, onde se rende pleitesía aos famosos, que o son porque se fala deles, aínda que sexa mal, fronte ao calado traballo de tantas persoas abnegadas que nunca teñen voz, non é para acreditar no que digan os xornais. Nun mundo onde cadaquén sabe que é noticia o que lle interesa ao poder que sexa noticia, e que deixa de ser relevante un conflito cando alguén intereseiramente así o decide, non é para poñerse a soñar que estamos informad@s por lermos un xornal. Nin cinco. Cada un coas súas mentiras, iso sempre pensei. Cando era nena, miña nai díxome que era unha trapallada todo o que saía na televisión, que nin os deterxentes lavaban máis branco por pagaren publicidade televisiva, nin o chuca-cao era máis nutritivo porque o dixesen no anuncio. Desde aquela detesto a publicidade, a venda consentida de mentiras, iso que se chama a creación da opinión. Xa se decatará quen isto lea que para min non foi doado sumarme ao carro de Sermos Galiza.
Supoño que, cando me animaron a formar parte do grupo promotor, eu podería responder "A quen lle fai falta un xornal?". Mais esa resposta tería algo de cínica. Sería como exclamar "A quen lle fai falta pan?" cando quixese protestar contra os alimentos xeneticamente manipulados, ou como dicir "A quen lle fai falta a amizade?" para responder con acritude a alguén que me fallou. Nesta altura somos conscientes de que as sociedades, como as persoas, precisan desenvolver o seu propio xuízo, debater, interrogarse e comentar. Como profesora sempre teimo na participación na aula porque do debate nacen as ideas propias, e as ideas propias son a base para entendermos o mundo. Abofé que non facía falta ser unha experta en socioloxía para decatarme de que no momento actual ao pobo galego fanlle falta vías para expresar opinións, para divulgar ideas, para crear ilusións.
Daquela lembrei un artigo de Belén Gopegui. Contaba a miña admirada amiga como os seus pais, persoas cívicas e tranquilas, non acababan de ver con bos ollos as súas tendencias políticas, vinculadas á esquerda. En certa ocasión, cando ela participaba nun encontro internacional, sorprendéronse de non atopar unha soa referencia nos seus medios de comunicación habituais, algúns dos máis prestixiosos do Estado. Ao seu regreso, preguntáronlle pola causa dese lapso. Belén reflexiona sobre a xenerosidade desa pregunta: como aceptarmos que quen che conta cada día o que pasa no mundo anda a agochar algo importante, quizais por velo subversivo? Mais en Galiza tod@s temos esa experiencia. Se un preso sae correndo dun hospital, aparece nos xornais. Se varios miles de persoas se manifestan en defensa da lingua diante de San Caetano, non. A verdade está secuestrada. Por iso estou nisto de Sermos Galiza. Porque quero ver publicadas as opinións e as fotos que demostran que Galiza non está durmida. E ese día estarei orgullosa do xornalismo e deixarei os ensaios no andel até o verán.

06/09/2011

Alfa Centauro

Por Xurxo Souto
Membro do Grupo Promotor de Sermos Galiza


Un rapaz de Verín, cun chisco de interese, sabe perfectamente das últimas tendencias e movementos emerxentes que agora mesmo se están tecendo en Berlín. Mais non ten idea do que agora mesmo está acontecendo en Viveiro. Unha rapaza de Viveiro, cun chisco de interese, sabe perfectamente dos movementos emerxente e das últimas tendencias que agora mesmo se están tecendo en Londres, París ou Nova York . Mais non sabe nin pouco nin moito do que agora mesmo está acontecendo en Verín.
Este país vive un grave problema de incomunicación.
Trátase de ser cidadán do mundo. É o sino dos tempos. E para conseguilo cómpre principiar por coñecer o mundo que temos diante do fociño.
Existe unha verdadeira inadecuación entre a realidade e a visión que a prensa escrita nos presenta desta realidade. Por dicilo cun catro anos luz de perspectiva. Se un alieníxena decidise unha mañá vir directamente do sistema Alfa Centauro tomar o almorzo a calquera cafetería de Galiza, despois de botar unha ollada nos xornais do mostrador, cando rematase o café con tostas xa tería formulada a seguinte conclusión: Nesta parte do planeta só existe un idioma: o castelán. Como anécdota aparece ás veces outra lingua en artigos de cultura e, máis raramente aínda, en sisudas columnas de opinión. Como poderán entender na estrela máis próxima ao Sol que -pese a esforzos e agoiros- a lingua maioritaria deste país é o galego? A resposta está en nós. Saúde Alfa Centauro !