De interese

15/09/2011

Presentación de Sermos Galiza na Coruña



Organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a próxima quinta feira, 22 de setembro, terá lugar a presentación de SERMOS GALIZA na cidade da Coruña. A presentación, que será ás 8 da tarde no salón de actos da asociación (Olmos 16-18, 1º), correrá a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto, do Grupo Promotor. Sermos Galiza agradece a inestimábel colaboración da A. C. Alexandre Bóveda na difusión do proxecto.
A convocatoria do acto feita pola ACAB vai acompañada do texto que reproducimos a seguir.

 Este verán tróuxonos un encadeamento de noticias relativas ao encerramento sucesivo dos escasos medios que utilizaban en exclusiva a lingua propia do país ou que lle daban unha presenza non meramente simbólica. Comezamos con A Nosa Terra, logo veu Galicia Hoxe, finalmente Xornal de Galicia, que se uniron á desaparición doutros medios anteriores como Vieiros ou A Peneira, até chegarmos ao ermo case absoluto actual, que nos fai recuar máis de un século. Face a esta lamentábel situación, produciuse un vento de esperanza coa aparición do proxecto 'Sermos Galiza', que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa. Se as persoas amantes da nosa lingua e do noso país coincidimos en que o momento é grave, debemos reaxir e apoiar este proxecto tamén economicamente, por riba das lóxicas dúbidas e reservas, pois é un proxecto vital tanto para a lingua galega como para a nación. E ten de ser igualmente un proxecto común, plural e transformador. Talvez non fiquen moitas máis oportunidades... Son horas, por tanto, de nos unirmos e de nos comprometermos nunha empresa que debe ser de todos e de todas. Logo non valerán as lamentacións nin as escusas. Ninguén o vai facer se entre todos e todas non somos quen de o facermos. De nós depende que sexa posíbel. Porque as persoas que vivimos en galego e como galegas e galegos conscientes tamén queremos ter voz. A voz que nós precisamos. A voz que a Galiza precisa.

2 comentários:

  1. miguel r. bouzada20/09/2011, 13:27:00

    Iso de "ermo case absoluto actual" paréceme unha falta de respeto cos que siguen informando en galego. Tamén dá a sensación que non valen. Sería mellor tentar sumar,non despreciar.

    ResponderEliminar
  2. Moi ben Miguel. Pois iso a sumar. E que a través da lingua galega -co esforzo de tod@s, sen despreciar a ninguén- trunfe unha prensa con ollos de aquí para ver o mundo todo.
    Tes toda a razón. Moit@s xornalistas, a pesar dos coriscos, manteñen no traballo do día a día o seu compromiso coa lingua.A sumar. Vémonos mañá en Alexandre Bóveda.

    ResponderEliminar