De interese

08/11/2011

Estreamos páxina, continuamos a avanzar


A partir de agora a páxina sermosgaliza.com vén substituír este modesto blogue co que viñemos difundindo a Iniciativa Sermos Galiza para a creación dun novo e influente medio de comunicación na nosa lingua.
No tempo que vai desde o lanzamento público da iniciativa foron centos as persoas que manifestaron o apoio e se aderiron á mesma. Queremos agradecer a todas elas o seu contributo, nomeadamente ás quiñentas que xa se tornaron accionistas, e encoraxar ás que aínda non o foren a daren o paso.
O proceso de construción colectiva dun medio de comunicación libre, crítico e galego está a resultar unha experiencia apaixonante e marabillosa. Particularmente incentivante é observarmos como, nun momento especialmente difícil e incerto, inúmeras persoas están dispostas a facer un esforzo económico importante para facermos realidade o obxectivo de que a Galiza conte con voz propia. Igualmente motivador son as múltiplas mensaxes de alento que recibimos a cada día. Mesmo emotivas. Traemos aquí, a modo de mostra o mail que nos enviou o pasado 26 de outubro unha nova accionista, Mónica R. V. : Bom dia. Venho de conhecer agora mesmo a vossa iniciativa atravês de um familiar (nom resido na Galiza neste momento). Tenho-me emocionado tanto que acabo de mercar umha acçom (achego justificante bancário). Quando tenha novo domicílio hei-me subscrever. Muitíssimas graças por me devolverdes a esperança :-) Umha aperta, Mónica”. É con ese espírito que se constrúe, non apenas este medio, mais o País. E é con ese espírito que continuamos a traballar para sermos Galiza, tamén na comunicación. Contamos con vós.

1 comentário:

  1. Neste ligazón tendes, en video a presentación do Proxecto en Arteixo do día 9 de novembro para a Asociación Cultural Monte da EStrela, aquí a parte de Xurxo Souto:

    http://www.youtube.com/watch?v=JWoUE8mHsKU

    ResponderEliminar