De interese

20/10/2011

Con vós, avanza Sermos Galiza

A presentación en Compostela

Na mañá desta cuarta feira, 19 de outubro, un ingreso realizado pola profesora da USC Aurora Marco López, supuxo ultrapasar os 100.000 euros efectivos na conta de SERMOS GALIZA SA (Sociedade en constitución) para a formación do capital social da empresa. Agradecemos inmenso a confianza, a xenerosidade e o compromiso coa lingua e co País das 245 persoas que xa son accionistas. Mais, a pesar de haber xa outras cantidades comprometidas en firme, temos que continuar a traballar para alcanzarmos os 300.000 euros que nos marcamos como obxectivo e que garantirán a capacidade operativa do novo medio.

Sabemos que somos moit@s @s que partillamos a necesidade dun medio de comunicación libre, crítico, galego e en galego. Un medio que reflicta de modo verdadeiro a realidade da Galiza en toda a súa dimensión. Que leve ás súas páxinas, para alén da actualidade política institucional, o acontecer social, sindical, cultural ou ambiental e que se faga eco do inestimábel labor que asociacións, colectivos ou persoas individuais desenvolven neste como noutros campos. Que nos achegue na nosa lingua e, aliás, sen mediatizar nin deturpar a información do que acontece polo mundo fóra. Que recolla unha opinión comprometida e interprete a información en clave de País.

E todas as persoas que compartillamos esta necesidade estamos chamadas a participar. Este proxecto é de tod@s @s que quixeren facer parte del. Lembrade o nº de conta: 2080 0319 69 3040016966 (NCG) E se xa tiverdes decidido tornarvos accionistas de Sermos Galiza, non demoredes en facelo: queremos ter reunido a totalidade do capital social na primeira semana de novembro. Contamos con vós! Grazas polo voso apoio.

2 comentários:

  1. Para poder avaliar se apoiarvos ou non mediante a compra de accións preciso saber qué tipo de control sobre o medio van ter:
    - accionistas
    - lectores
    - cidadáns en xeral

    Coido que para unha verdadeira democracia precisamos medios controlados directamente polos cidadáns. Agardo que o voso sexa un medio dese tipo.

    ResponderEliminar