De interese

31/08/2011

Adquirir accións de SERMOS GALIZA


Para podermos asegurar o éxito do proxecto de comunicación que Galiza necesita, precisamos reunir un capital social de 300.000 euros, dividido en 3.000 accións de 100 euros.
A adquisición de accións pode facerse ingresando a contía equivalente ao número de participacións que se quixeren adquirir na conta de SERMOS GALIZA, S.A. en NovaCaixaGalicia: 2091 0319 29 3040016966. Convén indicar no concepto: Nome da persoa adquirente (especialmente se non é a mesma que fai o ingreso)e “Compra ........ accións de Sermos Galiza.
Recomendamos enviar a seguir un mail indicando que se fixo o ingreso a sermosgaliza@gmail.com, acompañando datos de contacto (cando menos o número de teléfono)
Obrigado polo apoio ao proxecto.

20/08/2011

A voz precisa

Por Néstor Rego
Membro do Grupo Promotor de Sermos Galiza


A cada día se confirma máis a necesidade de reaxir e o acerto de termos tomado a iniciativa. Non hai dúbidas de que continúan a ser días difíceis para a imprensa en galego. Ás circunstancias propias do momento de crise económica que atravesamos sumouse, é evidente que con efectos decisivos, o tsunami españolizador que estamos a sufrir desde hai dous anos. A diminución das axudas para a lingua, tamén nos medios, e a deserción das obrigas políticas e legais no que respecta ao apoio á normalización do galego, tornáronse o máis visíbel das políticas intencionalmente destrutivas do goberno do Partido Popular.

Diante disto, podemos limitarnos á lamentación ou podemos mobilizarnos para reclamar unha mudanza das políticas públicas e, ademais, actuar. Isto é o que representa Sermos Galiza: a decisión firme de non ficar á espera. A vontade de axir para pór remedio a unha situación que progresivamente está a empobrecer o panorama da comunicación na Galiza e a deteriorar aínda máis a condición da lingua nos medios e, por tanto, na sociedade.

Sermos Galiza veu a encarnar, no medio de tanta noticia negativa, a esperanza de podermos mudar as cousas e de contarmos con instrumentos imprescindíbeis para podermos continuar a avanzar no camiño do pleno autogoberno. Mais tamén a confianza de sermos capaces de os construír por nós propi@s, o que non é pouco en termos de autoestima colectiva da cal, infelizmente, tan falto está este País.

30/07/2011

Sermos ou non sermos. Eis a cuestión

Por Xosé Ramón Freixeiro Mato
Membro do Grupo Promotor de Sermos Galiza

Somos moitas as persoas galegas que nos sentimos identificadas cunha historia, cunha cultura e cunha lingua propias, persoas que nos sentimos posuidoras dunha identidade a que non queremos renunciar e que estamos comprometidas coa súa preservación. A estas persoas únense outras moitas que, sen teren consciencia tan clara desa identidade diferencial nin se sentiren especialmente comprometidas na súa defensa, teñen aquí as súas raíces e mostran vontade de seren galegas e de exerceren como tales. E aínda existe outro grupo importante de persoas que, sen seren galegas de nación, moran entre nós e asumen o dereito a existirmos como pobo con características de noso. Hai, de certo, outras persoas, nadas ou non en territorio galego, que teñen distintos sentimentos identitarios ou que subordinan a condición de galegos e galegas a identidades diferentes. Todas en conxunto, en unión co territorio, a historia, a cultura, a lingua ou as tradicións, constituímos a Galiza, vella nación europea definida constitucionalmente como nacionalidade histórica, isto é, comunidade nacional historicamente conformada.

26/07/2011

Sermos Galiza: presentación ben sucedida


A iniciativa social Sermos Galiza foi presentada en Compostela no Día da Patria, no marco do Festigal. Máis de 150 persoas seguiron con atención e interese as informacións fornecidas polo Grupo Promotor, e acolleron con entusiasmo o apelo a se comprometeren no obxectivo de contarmos en breve cun potente medio de comunicación na nosa lingua. Aliás, intervencións de participantes no acto reafirmaron a necesidade do compromiso activo da cidadanía máis consciente deste País. Ficou claro que precisamos asentar un espazo de comunicación propio mais, para alén diso, tamén se sinalou a importancia de reforzarmos a autoestima colectiva demostrando que, de querermos, podemos. Unha animosa intervención desde o público cerrou o acto.


Neste momento, comprometerse coa imprensa en galego significa apoiar Sermos Galiza. Tratándose dunha iniciativa social, arroupar socialmente o proxecto é a mellor garantía de suceso. Convidámosvos, por tanto, a que continuedes a manifestar o apoio á iniciativa (pode facerse desde esta mesma páxina). Mais, agora é posíbel expresar tamén ese compromiso de maneira máis directa: adquirindo accións de Sermos Galiza e/ou asinando como subscritor/a do semanario.
A adquisición das accións pode facerse ingresando a cantidade correspondente ao número que se quixer adquirir na conta de SERMOS GALIZA, S.A. (sociedade en constitución) aberta en Novacaixagalicia: 2091 0319 29 3040016966. A contía de cada acción son 100 euros e o límite por accionista é o 10% do capital social, que ficou fixado en 300.000 euros.
Tornarse asinante (subscritor/a) do semanario que editará Sermos Galiza é outro modo de contribuír para o éxito do proxecto. Pode facerse preenchendo o formulario nesta páxina. A subscrición terá de ser confirmada no momento de o semanario saír, mais coñecer o número de persoas realmente interesadas en seren asinantes, até verificar que se alcanza o obxectivo de 3.000, é chave para garantir a viabilidade do proxecto.
Afirmamos, mais unha vez, o noso compromiso con esta iniciativa e apelamos ao voso, na certeza de que xunt@s imos conseguilo.

O imprescindível


por Nemésio Barxa
Membro do Grupo Promotor de Sermos Galiza

Um país normalmente artelhado precisa de uma imprensa nacional que reflita as necessidades e inquedanzas da população, que informe das propostas do governo para resolver esses problemas ou dos seus legisladores para avançar de futuro no estado do bem-estar, transmita notícias a respeito da marcha dos assuntos nacionais e também do resto do mundo.

Na Galiza, que tivo no passado abundantíssimos projectos jornalísticos, que não passaram de localistas, não chegou a alcançar o jornal nacional, o jornal galego, que respondesse a critérios de país. O jornal -ou jornais- que respondam a critérios de "país" tem de passar por utilizar a língua própria do país; e pode que a escrita em galego disuada a muitas pessoas, tendo em conta que dada a escolarização em espanhol á que todos fomos submetidos e a sua presença dominante em todos os aspectos da vida, dificulta a leitura. Mas se conseguimos que esse jornal seja realmente de interesse para a população o idioma nunca constituirá barreira para seu consumo.

A existência de uma raquítica imprensa em galego, possibilista, fundamentada mais no entusiasmo pessoal (como A Peneira), no transitório concerto de grupos de amigos ou no empenho colectivo, pode adormecer o sentimento, por outra parte sempre presente, de abordar com seriedade a criação de um grupo editor (possibilidade que deixou passar o bipartito) galego e independente.

A miséria da imprensa galega (falamos da que se publica na Galiza, ainda que de galega não tem nada) resulta evidente, vivendo do poder e a ele submetida. Os grandes problemas de país não têm apenas eco. Pode descartar a Xunta ajudas para limpar o monte "porque el desbroce no evita fuegos" e dizer o Conselheiro do Meio Rural que o feito de que não se limpem os montes não influi na proliferação de incêndios, sem que ninguém lhe replique, porque confrontar-se poderia significar perdas de ajudas económicas; nem neste verão nem no passado se deram cifras de incêndios ou de hectares de monte queimados, nem se deu publicidade ás protestas dos trabalhadores de incêndios nem ás manifestações dos policias autonómicos de que a Xunta os pressiona para "inflar" imputados por lumes. Reduzem postos de trabalho, desinvestem em políticas sociais, retiram ajudas dadas para a normalização lingüística, agridem a nossa língua... E não se reflecte a lógica indignação nos jornais. Esse vem sendo o cacarejado aforro.

E falando de aforros, que conhecimento temos das manobras para deixar a Galiza sem Caixas de Aforros? Como manobrou o Senhor Presidente da Xunta para tirar-lhe á Galiza seus aforros? Tampouco a imprensa que nos (des)informa neste país contou rem, a não ser o jornalista Sánchez de Dios no seu recuncho de Faro de Vigo, que deu algumas claves.

E que chegamos a saber do concurso eólico, anulado pola Xunta por supostas ilegalidades que logo resultou que não existiam, segundo resolução do TSJ, mas que lhe serviu para favorecer os seus amigos?

Se tivéssemos uma imprensa independente hoje poderíamos ter conhecimento destes dados e muitos mais, desenmascarar os que presumindo de amantes de Galiza estão afundindo a sua economia, a sua pessoalidade, o seu prestígio... E poderíamos formar consciência cidadã para nos opor aos escuros e interessados desígnios dos que seguem a chuchar as potencialidades (humanas, económicas, intelectuais, de aforro, etc) da nossa Galiza.

Para isso precisamos colaborar activamente neste projecto comum de uma imprensa própria de Galiza.

24/07/2011

Xa é posíbel subscribir accións de Sermos Galiza


O Grupo Promotor de Sermos Galiza fixou o obxectivo de capital social da empresa de comunicación en 300.000 euros, dividido en 3.000 accións de 100 euros. Entendemos que a contía de 100 euros/acción posibilita a máxima participación, de modo que todas as persoas que quixeren poderán converterse en co-propietarias do seu medio. Isto é coherente coa premisa estabelecida por Sermos Galiza de camiñar para un grupo de comunicación aberto, plural e colectivo, cunha larga e sólida base constituída por accionistas e subscritores/as. Pola mesma razón se estabelece un límite por accionista do 10% do capital social.
É xa posíbel subcribir accións. Pode facerse depositando a contía equivalente ao número de participacións que se quixeren adquirir na conta de SERMOS GALIZA, S.A. en NovaCaixaGalicia:  2080 0319 69 3040016966 Convén indicar no concepto:Nome da persoa adquirente e “Compra ........ accións de Sermos Galiza.
Recomendamos enviar a seguir un mail indicando que se fixo o ingreso asermosgaliza@gmail.com, acompañando datos de contacto (cando menos o número de teléfono)
Para quen precisar o IBAN e o BIC , os códigos son estes:
IBAN ES45 2080 0319 6930 4001 6966
BIC CAGLESMMXXX
Obrigado polo apoio ao proxecto.